Friday 03 de May de 2024

O Concello adxudica os traballos para a mellora de pavimentos e áreas verdes na contorna da rúa Galileo Galilei, no polígono de Agrela


A intervención reforza o plan de medidas medioambientais e de reurbanización que está a acometer o Goberno de Inés Rey nas principais vías do polígono

O Concello da Coruña adxudicou esta semana os traballos para a mellora do firme e as áreas verdes na área de estacionamento situada na contorna do número 20 da rúa Galileo Galilei, no polígono de Agrela.

A intervención será executada pola empresa López Quinteiro S.L., que acometerá a implantación dun novo pavimento permeable e vexetación no espazo delimitado como aparcadoiro. Esta iniciativa forma parte do amplo abano de medidas medioambientais que o Goberno de Inés Rey está levando a cabo en Agrela xa desde o pasado mandato, coa renovación progresiva dos espazos públicos do polígono.

Avanzan os traballos nas rúas Severo Ochoa e Newton

O Goberno municipal está a intensificar o seu plan de melloras para reurbanizar Agrela, onde tamén avanzan as obras de humanización dunha das principais arterias de circulación da zona, a rúa Severo Ochoa. A intervención, que abrangue unha superficie de 14.696 metros cadrados, ten como principal obxectivo mellorar a accesibilidade ao polígono, centrándose, concretamente, nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e a rotonda que conecta coa rúa Newton.

Ademais, e tamén desde este verán, o Concello está a levar a cabo traballos de mellora na contorna da parada de autobús número 481, situada na rúa Newton. A actuación, que está financiada con fondos EIDUS, conta cun orzamento de 43.000 euros e está previsto que se execute nun prazo de entre sete e oito semanas.